O Monte de Santa Tegra
Nun pequeno pobo mariñeiro, limítrofe con Portugal, hai millóns de anos, no século IV a.C., comezaron a escribirse historias a través da súa xente, dos seus petróglifos, das súas construcións, das súas tradicións, das súas festas...
A Guarda, no suroeste da provincia de Pontevedra, é o lugar escollido por numerosas persoas para gozar das súas vacacións percorrendo o seu rechamante porto pesqueiro, o Castelo de Santa Cruz, as súas longas praias, pero sobre todo o seu monte.
Este é un dos lugares máis emblemáticos do pobo e un dos puntos máis visitados de Galicia, non só porque desde aquí se obteñen unhas impresionantes vistas á Desembocadura do Río Miño e a Portugal, senón tamén polo seu valor arqueolóxico e relixioso, ademais do xa nomeado valor paisaxístico. Foi declarado Monumento Histórico-Artístico Nacional e Ben de Interese Cultural.
Destaca polo seu poboado castrexo, un dos exemplos de cultura castrexa-romana máis importantes; coas escavacións realizadas atopáronse petróglifos que demostran que alí viviron pobos na etapa final do Neolítico. Alí podemos apreciar as típicas construcións de planta circular con tellado de materiais vexetais.
Ademais, nel celébranse diversas romarías tradicionais como a de Santa Tegra, que ten lugar cada 23 de setembro en honra á patroa, ou as Festas do Monte, o segundo domingo de agosto.
Nas seguintes entradas atoparedes un montón de información e maneiras de traballar coas crianzas sobre o incrible Monte Santa Tegra.

Comentarios
Publicar un comentario